Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Fene transfíre as 91 axudas concedidas ao abeiro do PEL-Reactiva


Fene tamén reforzará con 19.000€ o plan de rescate da hostalaría da Xunta

O Concello asinou hoxe mesmo as transferencias do PEL-Reactiva, das que se beneficiarán 91 negocios de Fene, practicamente todos establecementos comerciais e hostaleiros. Á convocatoria concorreron 169 negocios dos que un total de 91 resultaron beneficiarios da asignación inicial -a Deputación achegou para esta liña preto de 170.000 euros- mentres que 59 quedaron fóra por non cumprir as condicións e outros 19 por esgotamento do crédito provincial. Para estes últimos o Concello habilitará en breve unhas bases específicas dotadas con 46.000 euros, coa finalidade de que ningunha das solicitudes que cumprise os requisitos quede sen axuda.

Ao peche do período de peticións, o Concello reicibiu un total de 169 solicitudes de axuda no marco deste programa cofinanciado pola Administración local e a provincial co obxectivo de favorecer a recuperación económica dos sectores máis afectados pola crise sanitaria.

Do total de instancias rexistradas o consistorio aprobou finalmente 91, con importes concedidos entre os 808 e os 3.000 euros de axuda, que deberon xustificarse antes do 31 de marzo. O montante global asignado ascendía naquela primeira asignación a 169.808,57 euros. Quedaron fóra da convocatoria outras 59 solicitudes, xa fose por non cumprir con distintos aspectos das bases ou por teren débedas contraídas coas Administracións Públicas, principalmente a Axencia Tributaria ou coa Seguridade Social.

Ademais destas instancias desestimadas, tamén quedaron sen achega outras 19 que si cumprían todas as condicións pero que non puideron satisfacerse por causa de que o crédito dispoñible xa estaba esgotado no momento en que tocou tramitalas, xa que o criterio aplicado pola Deputación foi o da orde de rexistro de entrada.

Neste sentido o o Concello habilitou unha partida no orzamento municipal aprobado en abril por un valor de 46.000 euros, coa finalidade de que tamén eses negocios poidan recibir a axuda. Para iso será necesario lanzar unhas novas bases e un novo período de solicitude que, en calquera caso, será coincidente no seu contido co do PEL-Reactiva de cara a simplificar a tramitación e garantir que os 19 negocios sen subvención da Deputación reciban do Concello a cantidade correspondente o antes posible.

Outros 19.000 euros para reforzar o plan autonómico de rescate da hostalaría
Ademais das axudas do PEL-Reactiva, o Concello de Fene tamén complementará a convocatoria do Plan de Rescate da Hostalaría da Xunta, dirixido aos establecementos que tivesen que pechar ou que visen afectada a súa actividade polas restricións decretadas desde xaneiro deste ano.

En Fene solicitaron as axudas -que van dos 1.900 aos 3.700 euros- un total de 51 negocios hostaleiros. A 32 fóronlles concedidas, mentres que os outros 19 quedaron sen elas, tamén por esgotamento neste caso do crédito autonómico. Porén, a Xunta ofreceulles aos municipios a posibilidade de cofinanciar as achegas, algo que Fene fará poñendo 19.000 euros de recursos propios. Irán destinados aos 19 establecementos que quedaron fóra da convocatoria, a razón de 1.000 euros fixos para cada un deles.

Os fondos seranlle transferidos á Xunta de Galicia para que esta Administración efectúe os pagamentos no prazo máis breve posible. A intención municipal era que a suma da achega autonómica e maila partida municipal se redistribuíse de maneira que todas elas tivesen garantido o acceso ás contías reflectidas nas bases.

Porén a Xunta desbotou esa posibilidade e só deu como opcións incrementar en 1.000 euros as solicitudes admitidas ou ben, tal e como fará Fene, asegurarlles polo menos eses 1.000 euros a quen doutro modo quedaría sen as axudas do plan.